martes, 29 de marzo de 2011

Aldeas lucenses que resucitan

LA VOZ DE GALICIA 29/03/11
Un proxecto de turismo rural que impulsa o empresario Ángel Jesús Fernández no pequeno núcleo do Mazo, no municipio do Courel, elevará a oito o número das aldeas do sur lucense que foron obxecto de operacións de restauración integral nos últimos anos. Estas iniciativas supoñen en conxunto un importante impulso para a recuperación dun patrimonio arquitectónico que sofre as consecuencias do despoboamento do medio rural, aínda que non forman parte dun plan unitario e continuado.
  Vilamor. Trátase dunha das primeiras localidades da serra do Courel que foi obxecto dun plan de rehabilitación integral e que conta con negocios de turismo rural.

Seis destas intervencións foron promovidas polas Administracións públicas e financiadas con fondos europeos. É o caso dos pobos de Froxán, Vilamor, Seceda e Cortes -no Courel- , A Seara, en Quiroga, e A Cubela, en Ribas do Sil. Os dous primeiros foron restaurados a comezos dos noventa dentro do plan Courel. A rehabilitación dos outros catro levou a cabo posteriormente, con arranxo ás diversas fases do plan Leader. A xestión destes proxectos correu a cargo da desaparecida asociación de municipios Río Lor. A iso súmase a aldea da Míllara, en Pantón, restaurada nos últimos anos por iniciativa dun grupo de empresarios e profesionais da Coruña.
Abandono total
Tres destes núcleos -O Mazo, A Míllara e A Cubela- levaban moito tempo deshabitados e o de Cortes estaba ao bordo do despoboamento total, aínda que no verán volve ser ocupado polos seus antigos veciños. En Vilamor, Seceda, Froxán e A Seara existen negocios de turismo rural, e o do Mazo inaugurarase no outono. É diferente o caso da Míllara, cuxos actuais propietarios o destinan a segunda residencia.
O arquitecto Manuel Caamaño, estudioso da arquitectura popular galega, considera que as operacións de rehabilitación realizadas nestes núcleos tiveron en conxunto un resultado moi positivo a pesar de levarse a cabo en diferentes momentos e circunstancias. «Non coñezo aínda ou caso do Mazo -explica-, pero as demais intervencións fixéronse con criterios respectuosos coa tradición e poden servir de exemplo para outras zonas de Galicia».

No hay comentarios:

Publicar un comentario

RESOLUCIONS CONVENCION MUNICIPAL